Xardín

Imaxina un xardín inmenso, cheo de multitude de flores e árbores diferentes.Nese xardín sempre brilla o sol, aínda que non abafa. O abano de cores diferentes provoca en quen o mira un inmenso pracer, coma cando comes o doce que che gusta ou ves a aquela persoa que tanto queres.Todas as flores que están no xardín son diferentes. Algunhas non moito, pero sempre hai algún trazo que as fai únicas. Un día nese xardín paradisíaco amenceu chuvioso. Non era unha chuvia forte, senón maina, orballenta. Un observador que nunca tivera visto ese xardín non vería cal era a razón da tristura do clima. Vería as mesmas cores, os mesmos recendos, aínda que agora estivesen apagados pola néboa baixa. Pero alguén acostumado a ver ese xardín sabería dicir con exactitude cal era o problema. Unha das flores murchara. Non era a máis exótica, a máis grande nin a máis olorosa. Era unha flor coma as demais. Pero era tan especial que todos a botaban en falta. O xardín enteiro choraba a súa ausencia. Entón o ceo non intentou agochar por máis tempo a súa dor e a chuvia comezou a caer con forza. Os lóstregos atravesárono e o vento fixo tremer ata á árbore máis frondosa. Pero a tempestade finalmente amainou. O ceo foi clareando pouco a pouco ata volver a ser tan radiante coma noutrora. Pero algo cambiara no xardín. Aínda que as plantas seguían a medrar vizosas e coloridas, deixaran baldeiro o oco que ocupara aquela flor. Sabían que ningunha podería volver a ser coma ela, e ademais nunca serían capaces de esquecela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario