E eu non quero...

Non. Non volvas a dicir iso de que "todo pasará". Non vai pasar. Sempre estará presente. "Necesitas tempo para esquecer". Tempo? Non exactamente; para esquecelo necesitaría un lavado de cerebro, unha reprogramación neuronal ou como queiras chamarlle. Non podo esquecelo. Xa se encargaron de gravarmo a lume. É máis, non só non podo eliminalo da miña mente, senón que condicionará todos os meus actos futuros. A maior parte das palabras que eu diga veranse irremediablemente influídas por aquel episodio. Todas as amizades que eu estableza pasarán un estreito filtro antes de chegar a tocarme. Non hai alternativa posible. E quen che di a ti que non vou acabar sendo unha psicópata violenta que me dedique a espallar a miña rabia polo mundo adiante?