Fin.

Mirada extraviada, de localización. Desorientación extrema. Ausencia de luz e son. Xa non. Tebras. Débiles ruídos de fondo. Coches que pasan. Pitidos. Voces. Xente cabreada. Non, triste. Falan. "Coma. Nunca. Morto. Esperanza. Irreversible". Ausencia de coherencia. Luz tenue. Iluminación progresiva da escena. Fondo branco, nada sobre el. Berros. Estrépito. Dor de oídos. Incapacidade para minguala. Non hai mans; non hai oídos. Tampouco hai ollos. Visión dun branco cegador. Molesta na vista. Alteración. Incomodidade. Intento de fuxida. Imposible. Non hai con que. Aumento do ritmo cardíaco. Constrición das pupilas. O laio agónico penetra, fire. Situación de alerta. Descarga de adrenalina. Posición de ataque. Non. Non hai corpo. Impotencia. Frecuencia cardíaca máxima. Dilatación excesiva da arteria carótida interna. Dor aguda. Luz demasiado intensa. Berros de ultratumba. Fundido a negro. Todo cesa. Silencio. Escuridade. Intento de explicar o acontecido. Non se pode. Inconexión das ideas. Fallo neuronal. Parada cardio-respiratoria. Morte cerebral.

Auscultâre

Hei de berrar. Berrar o teu nome, fonema a fonema. Aínda que me chamen tola. Aínda que quede sen cordas vocais. Aínda que ti non me escoites... porque nunca o fas. Todos os días, cun letreiro enorme, e ti non es quen de lelo e interpretalo.

Olla a choiva pola rúa, laio de pedra e cristal

Meu amor, chove en Santiago. "Coma sempre", rosmarán uns, "que novidade!" ironizarán os máis. Realmente non hai nada de estraño nesta meteoroloxía. Pero a chuvia fai que todo se volva futil, perecedoiro. E eu non quero fenecer baixo unha tromba de auga.