Bernardino Graña.

--¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Case morto vivín sen coñecerte
aló na chaira seca por absurdas rúas
onde ninguén me soupo dar mornura.

Foi soedade desconforme adentro
e a semente a caír en terra dura.

  ¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Erguinme e vinte ó regresar á terra
como se fora todo aquelo un soño
pesado e ti xa foras sempre miña.

Foi outra vez materno en aloumiño
o bico teu na lingua.
E foi de novo corazón adentro
comprender a existencia e a dozura.

  ¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Pero hoxe mesmo o día abriu en medo
entrou na fiestra un sol extraño inmenso
e deixáchesme o leito en mantas frías.

Está a volver agora corazón adentro
a soedade o podre a agonía
a me pinchar as cousas en millóns de pugas
cada minuto en séculos de agullas.

  ¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

22.11.2010.

Noite. Escuridade. Na rúa acéndense as luces para mitigar a ausencia solar. É moi tarde xa e o cansazo empeza a acumularse. Mellor coller un bus para volver á casa. Xusto ao chegar á parada, chega tamén o 5. Perfecto. Non para xusto na porta coma o 15, pero este tamén vai por cerca. Non hai moitos sitios onde sentarse. No final quedan dous asentos libres, deses que van mirando cara atrás. Á xente non lles gustan, din que se marean. Séntome alí e pouso as bolsas que levaba na man. Saco o móbil máis os auriculares e poño música. John Lennon. Boto unha visual ao bus. Case enfronte miña hai un rapaz. Tamén escoita música e parece alleo do mundo. Diante del vai unha rapaza cunha pequena pizarra para o dormitorio. 
O bus vai parando cada pouco, pero os novos pasaxeiros quédanse na parte dianteira do bus. Finalmente, na estación de autobuses, sube un rapaz que si vén para atrás. Leva un xersei azul, o pelo castaño moi curto e unha caixa nas mans. Intimídame a súa mirada. Recórdame ao típico despiadado das películas. Non lle presto máis atención e sigo escoitando música evadida do mundo. Pero noto que el me observa. Constantemente. Unha parada antes da miña, ponse diante de min para baixarse en canto se pare o bus. Eu levanto a mirada anecdoticamente, como de costume, e el chíscame un ollo. Aparto a cara rapidamente, por acto reflexo. Estame poñendo moi nerviosa. El non saca a vista de min e eu tampouco o fago dos meus pés. Finalmente para o bus e el báixase. Estrañada, sígoo coa mirada e observo que el aínda segue sen perderme ollo. Agora xa podo dicir que teño medo. 
El cruza a rúa, pero camiña no mesmo sentido que o bus. A miña é a última parada en territorio coñecido; as rúas polas que se mete despois non as coñezo e non vou experimentar. Báixome coma se nada sucedese e apoio as costas contra a parede dun edificio mentres recollo os auriculares. Necesito ter todos os sentidos en alerta. Véxoo vir do outro lado da rúa e como se dirixe cara a miña posición. Eu sigo camiñando intentando obvialo. Métome entre as facultades de Filoloxía e Xornalismo. Escoito os seus pasos detrás miña, a súa respiración. A falta de iluminación desa zona, da que tantas veces me queixara, convértese agora no peor dos escenarios. Escoito se pon ao meu lado e chama por min. 
Non sei que facer. As pulsacións dispáranseme; por un momento núblaseme a vista. El comeza un cuestionario ao que vou contestando coas respostas que se me ocorren sobre a marcha. Non son quen de controlar o tremor das mans. Métoas no peto intentando disimulalo. El achégase cada vez máis a min e esbardalla sobre que lle estou mentindo. A distancia entre ambos é escasa, e obrígame a pegarme á parede da facultade. Non me deixa ningunha fenda por onde escapar. El continúa falando e empéñase en que o mire aos ollos. Non son capaz.
Naquel momento, vexo que alguén se aproxima. Búscoo coa mirada implorando axuda. Entón el dáse de conta e sepárase. Marcha rosmando aínda. Eu corro para chegar á miña habitación. Manteño a compostura ata pechar a porta, e finalmente, deixo que o mundo caia sobre min. Desplomada no chan, deixo que saian as bágoas intentando levar consigo o medo. Aínda que non conseguen erradicalo. 

Imagine all the people living life in peace... 

Beyond this world.

Xa nada é igual. Nada cambiou pero todo é distinto. Tan só unhas poucas palabras puxeran o mundo do revés. O que antes eran leis inquebrantables agora só eran falacias absurdas nacidas dunha mente demasiado cansa para pensar. Unha mente que seguira o consello de todos os criminais e se empeñou en negalo todo. Unha mente que nin sequera se plantexou a hipótese contraria porque era moi complexa. Unha res cogitans preocupada por desfacer milleiros de pequenos interrogantes e demasiado obcecada como para mirar máis alá.
Pero agora todo era diferente. Por fin escoitara todos aqueles razoamentos que renegara antes e vira que todo cobraba sentido. As cousas non pasan porque si, hai un primeiro motor inmóbil que inicia a cinética de todos os corpos, unha res divina que impide que vivamos nun universo falso sen ningunha idea acerca da verdade. Porque por moi difícil que fose aceptalo, toda esta vida era moito máis racional que un conxunto de resultados ao azar.
E agora atopábase mirando aquela nena, todo aquel conxunto de órganos, tecidos e células entrelazadas de xeito que crearan aquela marabillosa criatura. Cal fora esa precisa descarga eléctrica que combinara os átomos para crear unha célula? E cal foi a primeira glía radial que dispuxo as neuronas dotándonos da prodixiosa capacidade do raciocinio e a memoria? E quen fora o magnífico oftalmólogo que por fin foi quen de curar esta cegueira innata?