Soa

Deixádeme. Non me toquedes. Afastádevos de min. E parade de dicir todas esas palabras estúpidas e baleiras. Dicides que me entendedes, que comprendedes o meu sufrimento. Calade e non me fagades rir. Non tedes nin a menor idea do que é isto. Non sabedes nada. Credes que xa o vistes todo nesta vida, que experimentastes todas as emocións. Non tedes nin puta idea de nada. Non vistes máis que o que vos amosa o televisor, e pensastes que vendo así a dor era coma se xa a sentísedes. Inocentes. Non sabedes o que é sentirse coma un trapo vello. Sentir unha dor tan fonda que aínda que vos arrincasen a pel a tiras non o notariades. E vós dicides que me entendedes! Collede un coitelo e cravádeo na palma da man, e sobre esa ferida, botade vinagre. Doe, a que si? Pois cando sintades iso, xa poderedes dicir que me entendedes, aínda que sexa de lonxe.
Non tedes nin puta idea do que é o medo. Non sabedes o que é facer sempre o que algún estúpido che diga sabendo que iso non é bo. Non experimentastes nunca o terror de sentirse soa, de ver que non tes a ninguén que che axude. Non sentistes nunca a humillación que eu sentín.
Fun eu quen correu polas rúas desertas fuxindo. Fun eu quen berrou todas as noites pedindo unha axuda que nunca chegou. Fun eu quen agoniaba día tras día oculta polo muro da vosa indiferenza. Vós vistes todo o que pasaba. Vistes que eu non era máis que unha alma en pena e continuastes camiñando, facendo caso omiso de min. Non vos parastes nunca a ver que me pasaba. Só agora vos acordades de min. Agora que estou encerrada neste cuarto vides a dicirme que me comprendedes. Ide á merda! Cando eu berraba pola noite polo medo que sentía, vós non oïades nada. Cando os meus choros eran o único que rachaba o silencio nocturno, vós dabades media volta na cama e seguiades durmindo. Pois se non soubestes escoitarme cando vos estaba chamando, non veñades agora que non quero vervos.
Fóra! Quero estar soa. É tan difícil de entender? Non preciso das vosas palabras mainas e comprensivas. Prefiro estar eu cos meus medos, eu e as miñas pantasmas. Sobrevivín moitos anos entre elas, sen que vós me axudásedes. Por que raio vos acordastes de min agora? Seica o meu deterioro físico é cada día maior. Se eu sigo igual ca sempre! Teño a mesma delgadeza extrema, a mesma palidez, as mesmas olleiras, a mesma cara de morta. Pero agora acordástesvos de min. Debe de ser que non hai ningún outro pobre ao que axudar. Pois metede a vosa axuda por onde vos caiba! Que eu non a quero! Cando vola pedín, non ma destes. Agora xa é tarde. Ide todos ao inferno!
Vivín sempre na escuridade, afogada por mil medos constantes. Sentiades os meus berros cada noite, pero sempre pensastes que eran simples pesadelos. Non vos dabades de conta de que eu agoniaba no meu leito, presa dun terror tan grande que non me deixaba respirar. Só miña nai acudía para limpar a suor fría que bañaba a miña fronte. Cun pano mollado en auga fría, lavábame a cara, e con palabras doces arrolábame ata que volvía a adormecer. Miña nai. Ela foi a única que se preocupou por min. Pero desde que ela non está, quen foi quen mirou por min? Ninguén. Nin tan sequera tivestes o valor de dicirme que morrera. Pensastes que eu non soportaría o peso da verdade. E para que non sufrise, dixéstesme que marchara, que fora traballar a Barcelona. Como se vos ocorreu pensar que iso me ía facer menos dano? O que vós me estabades dicindo era que miña nai me abandonara, que marchara lonxe e me deixara aquí soa. Non sabedes canda dor pode causar iso. Non vos decatastes que se me contásedes a verdade eu sufriría durante un tempo, pero remataría por aceptalo; pero que ao enganarme, ía preguntarme durante moitos anos que fora dela. E aínda por riba, descubrino do peor xeito posible. Vin a súa lápida no cemiterio. E cando vos preguntei, negástelo. Coma se fose tonta! Pensades acaso que se vexo o nome de miña nai no nicho no que tamén se enterraron meus avós non vou ser capaz de atar cabos?
E se non vos preocupastes de min daquela, cando realmente vos necesitaba, marchade agora. Non necesito as vosas bágoas compasivas, nin o voso falso consolo. Sei coidarme soa. Non vos preciso. Quero estar soa. Eu soa, sen que esteades analizando os meus actos. Dicides que son unha pobre tola, que levo demasiado tempo sen ninguén. Pois esta pobre tola quere seguir estando soa. E pechade a porta ao saír. Non vaia ser que escape do manicomio. Total, as ventás xa están enreixadas e xa me levaron todo aquilo co que podería suicidarme.


No hay comentarios:

Publicar un comentario