Desexo sentir

Bícame. Acaríciame. Faime o que ti queiras, pero faime sentir. Non quero ser unha estatua de cera que ve como se moven as figuras neste baile de graduación. Cólleme da man e lévame ao medio da pista. Que todo o mundo vexa os nosos vestidos. Que todo o mundo murmure ao vernos bailar xuntas. Non me importa. Só quero que me volvas a espertar. Que me fagas sentir o meu sangue ao percorrer as miñas veas. Quero que a miña lingua volva a sentir o doce, que a miña espalda se contraia nun calafrío ante o xeo, que os meus ollos gocen coas curvas suaves dunha melodía. Espértame. Quita estas arañeiras que cobren os meus párpados e devólvelle a luz que algún día tiveron.
Din que cando te namoras sintes como se tiveras o estómago cheo de bolboretas que non cesan de voar. Por favor, fai que volva a sentir iso. Quero sentir como pequenas ás chocan contra as miñas paredes e pelexan por saír á luz cada vez que ti me mires. Quero volver a ver uns ollos cada vez que eu pecho os meus, e quero que sexan os teus.
Non sei se é posible escoller de quen te namoras, pero eu quero namorarme de ti.

No hay comentarios:

Publicar un comentario