Apoptose

Nadia pechou os ollos e preparouse para a apoptose. Morte programada. O mundo programara exactamente cal era o momento no que debía de desaparecer. Había que renovar estruturas, desfacerse de todo aquilo que estorbaba e substituílo por novas xentes. Ninguén tiña en conta se a súa labor aínda continuaba a realizarse correctamente, se nunca dera problemas. Non importa. Era vella e había que tirar con ela. O seu posto sería ocupado por algún miñaxoia que aínda se estaba formando. Un novato calquera que se crería o dono do mundo sen saber que só é un minúsculo átomo invisible para os ollos de calquera.
Quería vivir. Non era un moble inútil que xa só servía para facer leña. Aínda todo funcionaba correctamente. Pero o mundo loitaba por rematar con ela. Era a súa hora. Unha morte programada. A súa hora fixárase xa había tempo e tiña que acatala.
Deitada como estaba, sentiu fluír o sangue por todos os capilares do seu corpo. Estaba viva, non había ningunha dúbida. Podería rebelarse, protestar, loitar pola súa vida. Recordarlle ao mundo que ela quería vivir. Pero sería inútil. O sistema afogaríaa coma a un becho inmundo, coma a unha cascuda. Non se toleraba que ninguén sobresaíse en ningún aspecto. Todos debían ter o mesmo aspecto. Todos tiñan as mesmas normas. Todos tiñan que ter os mesmos gustos e preferencias. E coa súa protesta, o único que conseguiría sería que a morte programada se adiantase. Neste mundo ninguén podía ser diferente. As diferenzas había que eliminalas. Todos eran de pel clara, de cabelo escuro, coa mesma estatura e peso, e todos tiñan os mesmos ollos sen vida. Non eran máis que máquinas alienadas.
Nadia recordou cando ela era nova. Tiña soños e aspiracións. Quería chegar a ser alguén. Coma todos os nenos. Pero o sistema encargárase de destruír todas esas ilusións. Como fixera con todo. Convertera o seu colorido mundo da infancia nun mapa repetitivo e gris. E agora remataría con ela.
Baixou a cabeza e levantouse. Colleu o bote con pastillas que había enriba da mesa. Eran as pílulas que rematarían coa súa vida, as pílulas que farían real a apoptose. Abriuno e colleunas todas. Abriu a boca e mastigounas. Sabían a doce, coma caramelos. Sentiu como comezaba a fallarlle o aire. Cuspiu todo o que tiña na boca. Pero xa era tarde. O veleno xa penetrara no seu corpo e estaba causando o seu efecto rápido e letal. Viu como o mundo desaparecía ante os seus ollos.
Antes de perder a consciencia, mirou por última vez a fotografía de Sara. “Meu amor….”

No hay comentarios:

Publicar un comentario