Verde.... A cor da esperanza....

Olláchela dende lonxe. O seu longo cabelo louro caíalle polos ombreiros facendo unhas graciosas ondas. Os ollos marróns que sempre refulxían de felicidade estaban a mirarte cunha sombra de estrañeza pousada sobre eles. Os beizos cos que tantas noites soñaras agora estaban inmóbiles, faltos de toda emoción. Seguiches repasando as curvas do seu corpo, aquelas coas que sempre esperabas amencer ao lado. O seu peito firme, a cintura estreita que lle realzaba a figura, as cadeiras algo anchas pero tan deliciosas e sensuais cando bailaba. As pernas que te facían tremer cada vez que ela camiñaba. Os pés pequenos e perfectos, que tanto lle gustaba calzar en zapatos con tacón.
Queríala máis que a nada e dixérasllo. Sabías que nunca poderías bicala, acariñala, pero o teu peito rebentaría se non llo tiveses dito. Contáchesllo todo e ela dixo non, que só erades amigas. Xa non había que facerlle. Esgotaras a túa última posibilidade e erraras o tiro. Seguirías escoitando o que ela che contase acerca das súas aventuras aínda que sabías que nunca chegarías a ter o papel protagonista nunha delas. Pero non importaba. O tempo cura todas as feridas, e neste momento, o mellor bálsamo para o teu esnaquizado corazón é o seu sorriso.
(24/07/2009)

No hay comentarios:

Publicar un comentario