108 días...

Quero pedirche perdón. Perdón polas palabras nunca ditas, as que agora acoden raudas á miña boca sen que eu as procure, só evocando o teu recordo. Perdón por todas aquelas que sobraban, que estorbaban ou que simplemente non era o momento. Perdón polo meu mal xenio, pola miña euforia desmedida e inoportuna, polo meu pasotismo. Sabes ben que nunca procuraba incomodarte; moitas veces facíao para captar a túa atención e que reparases en que eu estaba alí. Perdón por non saber corresponder a todo o cariño que me deches. Non me dei conta do importantes que eran para min os teus agarimos ata que os perdín. Perdón se algunha vez pequei de exceso de orgullo e non fun capaz de recoñecer os meus erros. Ti mellor ca ninguén sabes que levo a testarudez nos xenes.
E grazas. Grazas por meterme dentro este bichiño que me fai cantar a todas horas e que me trae aquí a túa rouca voz cargada de doces aloumiños. Grazas por facerme ser quen son, por ensinarme a loitar polos meus soños, por adeprenderme a estar orgullosa do que é meu, do que eu son.

No hay comentarios:

Publicar un comentario