Crime sexista

Aterrada, mirou o corpo sen vida que xacía en fronte súa. Estaba deitado na cama, enriba da colcha de matrimonio que tanto tempo pasara tecendo. Era branca, pero agora unha mancha vermella estendíase na súa superficie. El estaba deitado, coas mans a carón do corpo e a cara contraída nun ridículo xesto de dor. Levaba posta a mesma roupa de sempre. A mesma camisa, o mesmo pantalón, as mesmas zapatillas, pero o xersei tiña agora un burato no medio do peito polo que non deixaba de saír sangue.
Con coidado, achegouse a el e pechoulle os ollos. Dáballe medo que a ollase dende a ultratumba. Despois foi á cociña e, na vella cociña de butano abriulle ao gas. Ela tamén morrería pero levaría un final máis doce que o seu marido.
Sentouse na butaca que tiña alí e agardou a que o butano fixese o seu efecto. Sabía que o gas impediríalle respirar ben e acabaría por perder o coñecemento. Se acaso iso non bastase para morrer, en media hora chegaría o porco do seu cuñado co mesmo cigarro de sempre na boca e faría saltar a casa polos aires.
Os motivos que a levaran a cometer un crime tan atroz eran fáciles de comprender para calquera. Xa non podía aturalo máis. Casara con el facía xa 54 anos. Súa irmá quedara preñada dun home que ninguén sabía quen era e estaba a punto de dar a luz. Para que non lle pasase o mesmo, súa nai casouna co mozo solteiro que máis lle gustaba. Era ben feito e tiña moito carácter, pero levábase ben cos señoritos da aldea. Pensou que era o mellor partido. E ela, unha moza incauta, tamén o pensou. Namorouse dos seus ollos azuis e casou con el sen dubidalo.
Foran 54 anos cheos de palabras de desprezo e de berros. Moitas veces preguntouse se nalgún momento el chegara a querela. E case sempre acababa concluíndo que non. Pero agora rematara. Nunca máis tería que aguantar os seus desprezos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario