Venres, 25 de xuño, 19:35h.


De repente comezan a aparecer estados no tuenti, comentarios, "APROBEI". O meu móbil comeza a soar: "Lloverá y yo veré la lluvia caer, lloverá y yo veré la gente correr...". Cólloo e non entendo nada do que me din. Alguén que se trabucou. Chamo a Xoán.
-Que sacaches?
-Aínda non o sei. Estou no bus.
-Queres que cho mire?
Entro na páxina e introduzo o DNI. Voullas recitando ao mesmo tempo que as leo. Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, Historia da Filosofía, Inglés, Debuxo Técnico... Quieta, volve atrás. Historia da Filosofía. Aristóteles. Acto e potencia. Hume. "Que sempre que golpee a bóla de billar pase iso, non quere dicir que sexa consecuencia do anterior". Descartes. "Do único que non podo dubidar é de que estou dubidando". Kant. "Fai aquilo que desexarías que se convertese en lei universal, aquilo que calquera na túa situación debería facer". Parménides. "O que é é e pode pensarse, e o que non é non é nin pode pensarse". Sócrates. "Eu só sei que non sei nada".
E tiña razón. Non sei nada. Nin do que eu penso, nin do mundo, nin de ti.

No hay comentarios:

Publicar un comentario