Instruccións para esta noite.

Colle unha fieita. Procura que sexa grande, lustrosa. Tamén precisas un estalote e unha flor de sabugo. Si, desas que cheiran moito. Ten coidado, non as metas na boca, que son velenosas. Fai un ramiño con todo. Adórnao con un par de rosas vermellas, desas que nacen na silveira. Para que non se che desfaga, átao todo con un xunco. Agora tes que facer seis ramalliños máis, para ter sete ao final. Tes que colocalos arredor da porta. Méteos nos buratiños que hai entre as pedras. Pon un enriba da porta, e tres a cada lado. Ben feito. Xa preparaches a porta. Agora as meigas non poden entrar na casa para facer mal.
Colle agora unha palangana con auga. E flores daquela caraveleira. Desfóllaas e bota os pétalos na auga. Pon a palangana nun sitio onde lle vaia dar a luz da lúa toda a noite. Mañá pola mañá tes que lavar a cara con esa auga. É moi boa. Din que se te lavas con ela, non vas ter problemas na pel e que a vas conservar fermosa e chea de xuventude. Ademais, éche unha auga moi olorosa, coma se botaras desas colonias, pero máis natural.
Só che falta a derradeira cousa. Xunta todo o que teñas para queimar na casa. Unha mesa vella, papeis, cartóns, leña.... Se non atopas, colle unha gabela de toxos e fai unha morea con todo. Procura que sexa lonxe das silveiras e de cables da luz. Vaslle prender lume, así que ten tino para despois non provocar un incendio. Escribe nun papel o que teñas que recitar cando saltes a cacharela "Salto por riba do lume de San Xoán para que non me morda cadela nin can nin cóbregha antre o pan". Cando lle prendas lume a todo, mete ese papeliño no medio tamén.
E agora só tes que desfrutar da noite máis longa do ano. Unha noite na que as meigas saen a facer das súas, pero na que tamén aparecen as mouras para ofrecer preciosos tesouros e cumprir os desexos máis ocultos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario