Unha compaña de mortos vai berrando libertade

Eran sete as persoas que camiñaban baixo os paraugas. O primeiro deles levaba un rosario na man. Os que o seguían dispoñíanse en parellas, e todos levaban un cirio na man. O cheiro a cera queimada era notable. 
Ao seu paso, a chuvia caía con máis forza, levantábanse refachos de vento, amainaba a luz do día. Pese a auga que caía e as aireadas, a chama das candeas permanecía intacta, sen sufrir polas condicións adversas.
Os sete camiñaban cun paso lento, solemne, cerimonioso. Coma o camiñar dunha procesión. Desprazábanse sen facer ruído, pero polo baixo escoitábase un besbexo de voces. Un murmurio constante, unha letanía. 
O barullo propio da rúa apagouse ao seu paso. A xente desapareceu, quedaron as rúas desertas, coma para facilitarlles o paso.
Os vellos dirían que era a Santa Compaña. 







No hay comentarios:

Publicar un comentario