Dúas nais...


Hai veces nas que hai que dicir adeus. E por moito que non queiras, por moi repulsivo que che pareza, tes que facelo. Para que a familia se sinta mellor, seica. Nadia non estaba segura de que fose ese o motivo. Máis ben cría que era o que a sociedade mandaba facer, e por iso había tanta xente no velatorio. Levantou a vista e viu demasiados traxes negros pero ningún rostro coñecido. Volveu a concentrarse en mirar as súas mans. Non entendía que facía alí toda aquela xente. A maioría non coñecía a Carme. Nin a Carme nin a ela. Só eran amigos de familiares, ou veciños lonxanos que crían que se se presentaban alí e facían vulto, a dor que sentía ía ser menor. Iso non era verdade. Non volvería a ver a súa nai. Nunca máis. Sentiu como as bágoas acudían aos seus ollos e loitou por frealas. Tiña que ser forte. Non sabía por que, pero tiña que selo.
Unha moza que non coñecía achegouse a ver o cadaleito. Era fermosa. Os seus ollos verdes estaban cheos de bágoas. Semellaba que realmente estaba sufrindo esta perda. Nadia non a coñecía, pero aínda así sentiu que había algo no seu rostro que lle era familiar. A moza volveuse cara ela con intención de darlle o pésame. Nadia viu que tiña un rostro moi fermoso. Era coma o dunha figuriña de porcelana, delicado. Pero o seu ollar estaba cargado de tristeza. Era unha tristeza fonda, que a Nadia fixo que se lle encollesen os intestinos. Incorporouse e abrazouna. Realmente a moza necesitaba aquela aperta. Notou como choraba no seu ombreiro. Nadia acaricioulle o cabelo. Non quería que chorase.
Separáronse e a moza presentouse.
-Eu son Athenea. Probablemente non me recordes. Eu son unha antiga veciña vosa. Eu e miña nai viviamos nunha casa ao carón da vosa. Agora xa non quedan máis que as ruínas. Tivemos que marchar vivir lonxe, por problemas que tivera miña nai, e cando ela morreu, Carme estivo ao meu carón. Agradecereille sempre o que fixo por min.
Agora o recordou todo. Por iso lle resultaba unha cara tan familiar. Foran veciñas. Marcharan porque seica a nai era prostituta e tivera varias pelexas con homes. Iso era o que comentaban na rúa. Pero, que relación tiña súa nai con esta rapaza para axudala despois de pasar tanto tempo?
-Perdoa que me presentase así. Supoño que todo isto che resultará moi brusco. Non quero incomodarte. Mellor marcho.
-Non. Non te vaias... por favor. Agarda por min. Teño que saír tomar o aire un pouco.
Nadia colleu o seu abrigo e dirixiuse á saída do tanatorio. Notou como Athenea a seguía. Ao abrir a porta, un golpe de aire frío sacudiuna na cara. Esquecera que aínda era xaneiro e que fóra facía moito máis frío que naquela sala coa calefacción.
Athenea sacou un paquete de tabaco do bolso e comezou a fumar. Nadia notou como lle tremían as mans. Debía de estar a pasalo realmente mal.
-Supoño que terás moitas preguntas para facerme.
A súa voz tamén tremía.
-Non sei quen es. Recordo que vivías naquela casa, pero xa fai moitos anos que vos mudastes e non volvemos a ter contacto. Non sei que relación tiñas con miña nai.
Non quería ser tan brusca. Percibía a dor de Athenea e non quería incomodala. Pero Athenea pareceu non inmutarse.
-Non sabes nada. Terei que explicarcho todo desde un comezo, se ti me deixas...
-Por favor...
-É unha historia longa. Pero tes que prometerme que non vas a xulgar a túa nai polo que che conte aquí. Prometeme que a vas seguir querendo do mesmo xeito que o fixeches ata agora. Nada do que eu diga vai cambiar que era unha nai marabillosa que te quería con todas as súas forzas.
-Non o farei.
-Ben. Comezarei entón.

>Cando nos mudamos de aquí, eu tiña sete anos. O que máis recordo eran os comentarios por toda a vila. Todo o mundo me sinalaba como a filla da prostituta. Todo o mundo se encargaba de dicirme que eu fora un "accidente" con algún cliente. A ninguén nunca lle importou se iso era certo ou non. Todos falaban e ninguén sabía nada. Ninguén se molestou en darse de conta de que miña nai comezou a prostituírse despois de nacer eu.
Eu non era un accidente. Eu era o froito dunha violación. Un home abusara de miña nai e ela quedara embarazada. Fora daquela cando comezou a vender o seu corpo. Era o único xeito de conseguir todo o diñeiro que precisaba para manternos ás dúas. O seu antigo emprego de limpadora non lle proporcionaba case nin para comer ela, e agora había unha boca máis.
Cando eu medrei e melloraron as cousas, comezamos a planear a mudanza. Miña nai era consciente de que aquí eu sería sempre unha marxinada por ser a filla da prostituta. E a pesar de que o seu corazón quedaba aquí por sempre, fixemos as maletas e marchamos.
Ela nunca me contara isto. Eu non sabía nada de todo o que pasara. Foi Carme quen mo contou despois do enterro de miña nai. Explicoume como fora concibida, como se sacrificara por min e como a pesar de que estaba namorada, deixou atrás a quen máis quería por darme un futuro mellor.

Athenea fixo unha pausa. Semellaba que recordar todo isto lle estaba costando moito. Nadia estaba conmovida. Non sabía nada. E ela mesma fora unha das que a humillaran no patio do recreo. Agora sentíase terriblemente culpable. Athenea colleu aire e continuou o seu relato.

>Miña nai estaba namorada. Profundamente namorada. E era correspondida. Recibía e daba amor. Era tremendamente feliz simplemente sabendo que a súa amada a quería. Si, oiches ben, a súa amada. Miña nai era lesbiana. Aquilo non era ben visto polos demais. Non pasaba nada. Agocháronse e dedicáronse a amarse en silencio. Ninguén podía ver o seu amor, pero existía e era máis forte do que calquera podía imaxinar. A outra muller tamén sufría moito cando miña nai se deitaba con homes. ofrecéralle moitas veces cartos, pero miña nai nunca llos collera. O orgullo do pobre. Non quería ter unha débeda con ela, a pesares de que llos dese sen pedir nada a cambio.
Estaban moi unidas. Queríanse como a nada no mundo. Pero as dúas tiñan que manter unha farsa de cara aos demais. Miña nai era unha prostituta condenada a ser solteira de por vida. A outra, era unha muller decentemente casada cun home de negocios que tiña unha preciosa filla. Pero ese matrimonio rachou ao pouco de nacer a pequena. Atropelárano ao saír do traballo e deixou unha viúva que realmente nunca quixera casar con el e unha meniña.
Cando decidimos mudarnos, as dúas sufriron moito. Queríanse máis que a nada, pero miña nai decidiu sacrificarse para que eu fose medianamente feliz. A separación foi dura. Ambas derramaron moitas bágoas. Estaban demasiado lonxe para verse. Ademais, querían evitar rumores e comentarios sobre a súa relación. Tiñan demasiado medo da sociedade. Pero a pesar diso, amáronse ata o final dos seus días. Cando miña nai faleceu, ela veu ao tanatorio. Contoume todo isto que che estou contando a ti. Apoioume todo o tempo. Non me deixou de lado nin por un momento. Ela tamén se estaba a desfacer por dentro, pero termou de min para que non caese. Tan só me pediu unha cousa: que gardase isto en silencio e que cando ela falecese, llo contase todo á súa filla. E iso estou facendo.

Nadia quedou sorprendida. Non sabía nada de isto. Súa nai sacrificara todo polo qué-dirán. Era lesbiana e mantivera un amor oculto para que a sociedade non a masacrase. E despois sacrificara o seu corazón, outra vez polo mesmo motivo.
Mirou a Athenea e viu que ela pensaba o mesmo. Estaban orgullosas das súas nais. Por seren capaces de amarse a pesar que a sociedade llo impedise. Por desoír todas as estupideces e entregarse todo o seu amor. Por non importarlles que a outra persoa fose tamén unha muller. E sobre todo, por quererse.

No hay comentarios:

Publicar un comentario