Declaración de misantropía.


Renego da xente. De todos os que camiñan polas rúas. Dos que tocan o piano na intimidade do seu salón. Dos que festexan unha noite que mañá xa non recordarán. Dos que cren sabelo todo cando realmente non saben nada. Dos que viven na ilusión de que a vida é de cor rosa. Dos que pensan "iso non me vai pasar a min". Dos fatalistas que non pensan en sobrevivir a mañá. Dos que rin, dos que choran, dos que son inocuos.
Renego dos homes, de todos e cada un dos que me rodean. Dos que percorren o mesmo trazado. Dos que viaxan no mesmo autobús. Dos que me superan en altura. Dos que levan o pelo rapado, dos que levan melenas. Dos que visten elegante. Dos que se cren superiores. Dos que deixan barba. Dos que sorrín sempre, dos que non o fan nunca.
Renego de todo e todos. Non quero ver a ninguén cando alce a cabeza. Non quero escoitar pasos detrás cando vaia andando. Non quero ulir colonias remotamente familiares. Non quero recoñecer trazos nas caras coas que me atope. Non quero repetir experiencias xa vividas. Non quero. Non quero.

No hay comentarios:

Publicar un comentario